A provincia de Lugo
Preguntoulle Tonina Gay, naturalmente, pola provincia de Lugo, cando xa levaba once anos sendo a primeira autoridade provincial, incidindo en se ao ser unha provincia con tan grande extensión de terreo iso significaba un atranco para un máis rápido desenvolvemento desta terra, sobre o que opinou:
Indudablemente que si, pero ao mellor iso tamén pode ofrecer solucións. Aquí en Lugo temos dous factores que constitúen unha dificultade para o melloramento das condicións de vida, para a dotación dunhas infraestruturas, que son a gran extensión superficial da provincia, e sobre todo, a gran diseminación da poboación.
Pensemos a diferencia que hai nun concello, por exemplo, de Cataluña, ao mellor con dez mil, trinta mil habitantes, reunidos, asentados nun espazo urbano moi reducido. Hai tres ou catro anos tiven a ocasión de falar cun alcalde catalán e un de aquí. Bueno, pois a mesma poboación que tiña un concello da provincia de Lugo, diseminada nuns trescentos núcleos ou máis, tíñaos aquel concello catalán nunha soa das súas rúas. Estamos falando de catro ou cinco mil habitantes nunha soa rúa ou dúas adxacentes. Pois dotar de servizos de auga, de beirarrúas ou alcantarillado, é moito máis barato e moito máis doado cando esa poboación está concentrada.
Pensemos, por exemplo, nun subministro de auga xeneralizado para todo un concello, a cantidade de rede que supón cando están diseminadas esas vivendas. Canto costa máis dotar dun servizo de alcantarillado para poder depurar eses vertidos? As comunicacións, que ás veces aquí son seis, sete quilómetros, para comunicar dúas casas, para que dúas familias ou tres non estean illadas. En cambio, nunha cidade, poden vivir catrocentas familias nun tramo de trescentos ou catrocentos metros, nunha rúa. Iso supón unha inversión moi grande, e como os cartos sempre se administran desde unha situación de escaseza, ir dotando todos eses servizos supón un esforzo moi grande.
Lembráballe a entrevistadora palabras súas na toma de posesión como Presidente da Deputación de Lugo o 8 de xuño de 1983, da “tarefa atractiva e ilusionante de contribuír ao melloramento da provincia de Lugo, e da importante actividade de poder facilitar aos nosos fillos unha terra e unha sociedade mellor”, para preguntar que Lugo desexa Francisco Cacharro Pardo para os seus fillos, entendendo que -neste caso- os seus fillos somos todos os lucenses.
O que queremos para todos, loxicamente, é unha cidade e unha provincia mellor, con mellores condicións de vida, con máis oportunidades de traballo. Claro que iso é unha xeneralización, e hai que concretar. Gustaríanos que se acabara de asentar a Universidade en Lugo, que eses centros de ensino universitario puideran desenvolver unha gran actividade de investigación. E conste, que estamos tendo sorte niso porque, aínda que hai escaseza de profesorado, estanse levando a cabo en Lugo iniciativas verdadeiramente importantes que van a dar os seus froitos a pouco tempo.
Que se avance, que se nos dote dunha tecnoloxía para o noso sector básico, que é o campo; que teñamos un sector rentable, que os nosos gandeiros resolvan os seus problemas, que dispoñamos dunhas mellores infraestruturas de comunicación…
En fin, ir mellorando. Creo que nestes anos se foron conseguindo unha serie de cousas que, sen lograr a situación ideal, sen ser o que todos desexamos, temos experimentado un avance considerable nas comunicacións pola rede provincial , o mesmo que no resto das condicións de vida… Temos a Universidade funcionando, e loitamos porque se vaian logrando o resto dos obxectivos que, en definitiva, todos eles poden contribuír a ter un Lugo e unha Galicia mellor para todos.
O dono de Lugo?
Na entrevista en Televisión Lugo, Tonina Gay comentoulle a Cacharro: “Hai quen di que vostede é o dono de Lugo…”. Como non podía ser menos, a resposta de Cacharro foi moi política:
A xente é moi optimista. Mire, a case todo o mundo lle parece que aos demais lles van as cousas moito mellor ca a eles. Entón, postos a atribuír poderes, facultades, capacidades de decisión, eu asombroume ás veces de que me mezclen en cuestións nas que non tiven nada que ver, non falei delas, e ao mellor nin sequera estaba informado.
E a xente supón, non digo eu que un sexa dono de Lugo, pero si que a súa capacidade de intervir nos asuntos da provincia e da cidade son moito maiores… E non o son.
Insistía Tonina en que se Francisco Cacharro programaba na Deputación o que Lugo podía ou non podía ser -coa colaboración dos outros membros da corporación e doutras corporacións-, non notaba un certo desacougo diante de tamaña responsabilidade? A resposta merece lembrarse:
Xa me gustaría que puidesemos desde alí programar todo o que se pode facer na provincia. Sabemos que hai moitas actuacións que dependen doutras administracións.
Temos, por exemplo, a administración central do Estado, temos a propia comunidade autónoma… E realmente o que podemos facer desde a Deputación é unha parte, unha parte que pode ter a súa importancia, a nós gustaríanos que fose moita máis, e hai outras deputacións en España que si deciden máis. Por exemplo, pensemos nas Deputacións Forais do País Vasco, pensemos na Deputación de Navarra. Esas teñen moitas máis competencias, e moitos máis recursos económicos que o resto das deputacións.
De todos xeitos, é importante a responsabilidade que se ten desde a Deputación Provincial. Sucede como con outras cousas desta vida, que como se van asumindo pouco a pouco non supoñen unha carga anímica tan grande como penso que se a unha persoa da calle a collesen, e a puxesen nun momento dado de presidente da Deputación, ou de alcalde do Concello de Lugo, ou doutro concello calquera, verdade? Iso pode representar un choque moi forte.
Como son actividades e situacións nas que se vai entrando pouco a pouco, chega un a normalizalas… O cal non quere dicir que non se sinta o peso da responsabilidade, claro. Loxicamente é así.