Francisco Cacharro, sen dúbida o mellor político de Lugo durante trinta anos, era unha persoa moi intelixente, súper traballadora, que cando afrontaba un proxecto nunca se detiña ata que conseguía realizalo.
Coñecía a provincia como ningún outro. En Paradela demostroume coñecer o meu concello tan ben coma min, e cando lle falaba dunha estrada dábame detalles que demostraban un coñecemento perfecto.
Tiña querenza especial pola Ribeira Sacra. Pero similar querenza tiña polos Ancares, a Costa ou a Terra Chá. Na Ribeira Sacra apoiounos desde os primeiros momentos, viu que había futuro cos catamaráns que trouxo de Sevilla… Pero se algo teño que destacar de Cacharro son as estradas. Tiña un especial interese polos pobos da provincia. A inmensa maioría dos nosos pobos teñen acceso por carreteira porque se abriu en tempos, e por iniciativa, de Cacharro. Xa quixeran hoxe as estradas da provincia o estado de conservación, rexeneración e ampliación coma nos tempos de Cacharro.
Tiña un proxecto de estrada que tiña que ver coa Ribeira Sacra, nos concellos de O Saviñao e Paradela, á beira do Miño. Pero esta non puido ser completada en Paradela, nas inmediacións de San Facundo de Ribas de Miño, por problemas que puxo Patrimonio nos tempos do bipartito.
Polo que a min respecta, botou sete anos intentando que me integrara no Partido Popular, ata que finalmente o conseguiu. O noso partido estaba dividido, e a integración era garantía de unha mellor defensa dos intereses dos nosos concellos. Primeiro foi Muíña, e xa no 1990 integrámonos Acal de Baleira, Belón de Samos, e eu de Paradela.
No decurso deses sete anos de achegamento era xa un asiduo da miña casa, sempre agradable, sempre convincente, falaba de música ou de calquera outra arte… E foi coñecendo a meus pais, á miña muller… ata que un día coñeceu a miña irmá, e entón considerou completo o coñecemento e a amizade.
Ninguén en Lugo co peso político de Cacharro. En Lugo e en Galicia. Ninguén coñecía nin coñecerá a provincia como el a percorreu e coñeceu.
Remato cun exemplo da resolución de Cacharro, precisamente relacionado coa estrada á beira do Miño, polo de agora inconclusa, no Concello de Paradela.
Para chegar a San Facundo, a estrada tiña que superar unha altura na zona da Adega, que obrigaba a subir pola ladeira e dar un importante rodeo, polo que eu, medio en broma, suxerín que o ideal era facer un túnel para superar o obstáculo. Quedouse mirando para min, e díxome: “Mato, que un túnel non se fai cun cortaúñas!”.
Pouco tempo despois, na Deputación, subindo a escaleira, comunicoume: “Pois vas ter o teu túnel!”. E así foi. Pero, sen Cacharro, a estrada aínda está agardando o seu remate.