O Orfeón Lucense, coro oficial da Catedral de Lugo, creou a súa Insignia de Ouro como a máxima distinción a conceder por méritos especiais do seu destinatario. Teñen esta Medalla de ouro a familia de José Castiñeira Pardo, refundador do Orfeón, e Francisco Cacharro Pardo, entón Presidente da Deputación Provincial de Lugo.
A concesión da Medalla de ouro a Paco Cacharro debeuse, precisamente, ao especial apoio que desde a Deputación fixo o Presidente ás actividades do Orfeón e da música en xeral, e de xeito especial ao sostemento da Escolanía José Castiñeira Pardo.
José Castiñeira Pardo, musicólogo e compositor, mestre de música da Catedral de Lugo, refundou o Orfeón Lucense en 1982, como continuación do que fundara no século XIX Xoán Montes, fusionando varias agrupacións corais que el dirixía. Na honra do fundador, ao seu pasamento en 1989, o Orfeón creou a Escolanía José Castiñeira, que a agrupación dirixiu e formou, e foi financiada pola Deputación Provincial.
A entrega da insignia de ouro celebrouse nunha cea no Hotel Torre de Núñez, presidida por Francisco Cacharro, acompañado pola súa esposa, Carmen Gosende, á que asistiron todos os membros do Orfeón.
Na actualidade, esas dúas Medallas de Ouro son as únicas concedidas polo Orfeón Lucense nestes corenta e tres anos.