Tiven o primeiro contacto con Francisco Cacharro Pardo no mesmo momento que accede á Presidencia da Deputación no ano 1983. Daquela, o obradoiro xa gozaba de unha longa traxectoria desde que, no ano 1951, se creara na Deputación lucense, por mediación de Antonio Fernández, contando con Faustino Santalices e Paulino Pérez. Luciano Pérez, neto de Paulino, comezara con el no ano 1973, e máis tarde se incorporaría o seu fillo Jesús. Ambos os dous tratamos moi de preto a Francisco Cacharro Pardo como presidente da institución.
Desde o ano 1975, no que falece Paulino, e, coincidindo coa nova era en democracia, iniciárase unha transición cara á formación de artesáns. Meu pai, Jesús, e Xesús Mato comezaran unha estreita colaboración para que o alumnado de Auxilia acudise ao obradoiro, xa nun local máis amplo, e don Luís Cordeiro Rodríguez, presidente nesa época, iniciara o proceso para consolidar o Obradoiro Escola, dándolle estabilidade ao persoal.
Todo esta base, guiada unicamente polo sentido común, é dicir, ir facendo o que se consideraba necesario e o que a sociedade ía demandando, adquire unha nova dimensión con obxectivos concretos baixo a presidencia de Francisco Cacharro Pardo.
Desde o primeiro momento confía en nós plenamente e comeza unha relación directa e tamén a través do deputado correspondente.
O primeiro sinal xorde nunha reunión, no seu despacho, para tratar sobre a produción de instrumentos co fin de apoiar as numerosas asociacións culturais e favorecer ao seu alumnado, a necesidade de impartir cursos gratuítos de formación de artesáns e intérpretes, e a recuperación e melloras nos instrumentos tradicionais. Para iso, ese mesmo ano de 1983 decide rehabilitar un edificio anexo ao Pazo provincial para poñer en marcha este novo proxecto.
Isto permitiunos distribuír os espazos coas seccións: Obradoiro Escola con sala de máquinas na planta baixa, aula para a Escola de gaitas e zanfonas, no primeiro andar, á que, por certo, acudiu un dos seus fillos, e un gran ático para almacén de materias primas. Así comezamos un honroso labor que chega aos nosos días, impartíndolles cursos gratuítos a particulares en colaboración con asociacións culturais, Universidade de Santiago e o Instituto Nacional de Emprego, o que nos permitiu contar co apoio de profesorado externo.
Hai que destacar o desenvolvemento de proxectos multidisciplinares e o amparo para a creación de novos obradoiros. Na mesma institución impulsouse a creación do Obradoiro Escola do moble e do traxe tradicional.
Recordo que cando estabamos traballando no proxecto de reconstrución dos instrumentos do Pórtico da Gloria en Compostela, no ano 1990, veu expresamente subirse ao andamio para ver de preto a obra, cumio da iconografía musical en Europa, cos 24 músicos do século XII. Tres anos máis tarde, cando lle propuxen o noso proxecto de investigación e reconstrución do conxunto catedralicio compostelán, implicouse tanto que un día que estabamos tratando de como acometer a tarefa de convencer a Victorian Albert, de Londres, para que nos cedese os baleirados que fixeran no século XIX do Pórtico da Gloria e poder utilizalos no proxecto, nun despacho do ático, comezou a estender os planos das novas salas do Museo Provincial, e xa estaba maquinando como montalo no novo museo, mesmo vimos un hipotético e ideal emprazamento.
Contei coa súa confianza e valoraba a miña opinión, como no caso dunha proposta allea pola que trataba de instaurar un modelo foráneo para a Escola de gaitas, ao que eu me opuxen. Era intelixente, e invocar o nome da Deputación de Lugo supoñía unha porta aberta. Foi popular a súa sorna, de feito nunha das probas da miña praza e, falando de música, ensino e instrumentos, lánzame: “Que é un serventesio?”. Poida que presaxiase que a súa orixe na lírica trobadoresca me sería útil para os posteriores proxectos de investigación. Noutra ocasión díxome algo así como: “Pero ti queres matar mosquitos con madeira de ébano!”, referido ao importe dunhas gaitas que lle encargaramos a un antigo alumno para un agasallo institucional, despois de que renunciase a seguir doando a produción do Obradoiro de instrumentos por considerar, eu, que un obradoiro institucional non lles podía facer competencia desleal aos mestres artesáns privados.
Era un amante da música e apoiaba todo o relacionado con ela, mesmo agromou un grupo de estilo popular e medieval en colaboración co cantautor Miro Casabella e, para canalizar o alumnado da Escola de gaitas e zanfonas, na recta final da súa aprendizaxe, foi creada a “Banda de gaitas” que percorreu a maioría das poboacións da provincia, outras do Estado e, asemade, actuou en destacados programas da Televisión Española. Igualmente, e como consecuencia da necesidade de presentarlle ao público os resultados dos proxectos de investigación medievais, confórmase un grupo de músicos de diferentes nacionalidades, baixo o nome de “Por que trobar”, que levaron a música trobadoresca a diferentes lugares de Galicia e Europa. O grupo, dirixido por Jonh Wright, gravou un recoñecido disco galardoado en Francia.
Creamos unha sinerxía moi eficaz que nos situou na esfera internacional cun último impulso, xa formando parte do Centro de Artesanía e Deseño, dirixido por Francisca López. Froito dese traballo é a Colección de instrumentos musicais e arquivo documental do CENTRAD, que acolle fondos de produción propia e a maior colección en Europa de réplicas de instrumentos medievais.
27 de xullo de 2025, un mes despois do falecemento de Jesús Pérez