Sara Ruiz Rubio

O legado da Facultade de Veterinaria de Lugo

Estaba falando cunha boa amiga mentres paseabamos á súa cadela, Pepa. Ela chámase Carmen e estudou veterinaria en Lugo, nunha das primeiras promocións en facer a transición ás que agora son as instalacións que converten á Facultade de Veterinaria de Lugo nunha facultade recoñecida a nivel europeo, concretamente pola Asociación Europea de Establecementos de Educación Veterinaria (European Association of Establishments for Veterinary Education, EAEVE), unha organización na que a Unión Europea delegou este tipo de accións. Isto convértea na única titulación de Europa que se somete a avaliacións periódicas da calidade da súa docencia. É curioso que outras facultades españolas con séculos de historia non poden presumir de ter avaliacións favorables. Isto tamén converte a Lugo nun destino escollido por moitos estudantes, entre outras razóns.

Ollando o campus universitario mentres nos dirixíamos cara a unha das carballeiras que o arroupan, comenteille que parece incrible que todo isto estivese situado no que hoxe é o Parlamento de Galicia, e que os estábulos estivesen na parte baixa do edificio que agora alberga as oficinas dos deputados e outras autoridades! Sábese que naquel momento o programa de estudos de Veterinaria non contaba cun número significativo de estudantes matriculados, e quizais por falta de compromiso ou quizais pola crise agraria de finais do século XIX, ese proxecto fracasou.

Mentres fago unha parada no camiño e sinalo o meu laboratorio, onde durante varios anos vin ir e vir moita xente de diferentes partes do país e do mundo, un pequeno punto dentro dunha gran rede de edificios, cortes, hospital veterinario, picadeiro, auditorio e demais, suxiro o papel que desempeñou a Deputación de Lugo na concesión dunha nova Facultade de Veterinaria para Galicia en 1983, destacando o papel que xoga hoxe no Campus Terra, e este na sociedade agraria e socioeconómica galega, incluíndo pola nosa parte o tratamento de diferentes pragas, o apoio do laboratorio de referencia de microbioloxía da Facultade de Veterinaria da USC cando quixeron responsabilizarnos como país da intoxicación pola bacteria E. coli a través dos nosos vexetais, o que non tivo éxito grazas á forza da comunidade de científicos que están ao carón do noso campo, onde se estudan dende mamíferos mariños ata se fan cirurxías a tigres! Onde un can entra paralítico no hospital veterinario e sae camiñando, onde se fai o illamento, identificación e caracterización de diferentes cepas bacterianas ameazantes para o noso gando, onde se publican libros e artigos científicos de grande impacto internacional, o que atrae a estudantes de diferentes partes do mundo polo alto nivel educativo de aquí. Como o meu compañeiro veterinario Alfredo Montalvo, de México, quen se referiu a este aspecto, decidindo así, entre outras cidades do mundo, cursar o seu último ano universitario en Lugo. Podería seguir citando infinitas parcelas do noso campus e particularmente da miña Facultade, que ocupa concretamente 51.260 m2 dentro del, ao que Carmiña reacciona con sorpresa.

A verdade é que Lugo tivo competencia; comentáballe á miña colega que outra deputación provincial quería unha localización diferente para o que agora son as nosas instalacións, o que a miña amiga escoitou con sorpresa mentres facía unha paradiña no camiño. A loita da Deputación de Lugo, consciente da súa importancia para a provincia e do ambiente favorable para o desenvolvemento das prácticas e as actividades docentes requiridas, e o diálogo con diversas institucións, achegando así posturas, fixeron realidade o que foi un punto de inflexión para Lugo.

Pregúntolle como foron aqueles anos de transición e cóntame que o Campus parecía dunha cidade diferente, con camiños de terra e unha precariedade que non se podía comparar co que experimentamos hoxe, dadas as esixencias que require unha facultade deste calibre. Díxome que as primeiras clases daquela impartíanse no que hoxe é a Facultade de Ciencias, cos desafíos que isto implicaba, mentres se remataban as obras do que se convertería na quinta Universidade Veterinaria de España. A miña amiga ficou mirando fixamente un punto e un sorriso apareceu no seu rostro. Dixo que había un ambiente marabilloso, con xente de diferentes culturas e puntos de vista, e que tiña grandes recordos!

O meu compañeiro e actual Garda Civil no País Vasco e nativo de Sevilla, Alvaro Soto, díxome o outro día cando coincidimos na praia, que sen ningunha dúbida aquela fora a grande experiencia da súa vida. Curiosamente este rapaz decidiu dedicar a súa vida ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, o que deixa ver a ampla variedade de camiños con diferentes especialidades,nos que podemos escoller os veterinarios a nosa dedicación, dende a industria alimentaria, as inspeccións sanitarias, a investigación, o exército, a clínica, a industria farmacolóxica e moitas máis opcións polas que dende aquí animo aos rapaces a pensar en iniciar estes estudos.

Alúmanseme os ollos, e diríxome á miña amiga, mentres Pepa pídenos que xoguemos con ela e coa pelota un cachiño. Dígolle que no meu caso podo dicir o mesmo, que a xente que pasa e pasou por aquí acompañándome nesta gran viaxe son unha gran familia para min, e que nun intre podo estar falando en galego, como de súpeto en inglés e cando me xiro en francés ou portugués!

Para rematar, decidimos ir a tomar algo nalgunha terraza de Augas Férreas, despois de tanto falar.

Un día coma calquera outro, dirixíame a realizar probas inmunohistoquímicas na nosa facultade sobre un material que aclararía moitas incógnitas sobre o que actualmente é un problema no rural lucense e en todo o mundo, a superpoboación da Rata Toupa, e o que posteriormente está a abrir portas cara a unha coexistencia equilibrada entre a especie e os humanos a través de métodos biolóxicos. Este traballo levouse a cabo e segue sendo deste xeito no Departamento de Anatomía da Facultade de Veterinaria de Lugo, concretamente co grupo MORFAN, dirixido polo meu director de tese, o doutor en neuroanatomía don Pablo Sánchez Quinteiro, e onde don Ignacio Salazar foi profesor e decano da facultade lucense nos seus comezos. Mentres preparabamos os materiais, comentábanme que os primeiros anos foron caóticos, cunha demanda enorme e un grande interese polo que alí se estaba a desenvolver, que os alumnos tiñan que sentar nas escaleiras, non collían nas aulas! Tanto é así que houbo que regular a afluencia de estudantes, chegando estes a superar os 600 nos seus primeiros anos. A esixencia da Facultade puido ser un método, comentábame o meu director con certa ironía, ou non, mentres me dicía que calculase ben os tempos para que todas as probas saísen ben. A docencia tamén era insuficiente, polo que tamén me falaban de como catedráticos de prestixio encargáronse de traer aquí aos que hoxe son os mellores docentes, un gran berce de investigadores de renome internacional, dos que persoalmente me sinto moi orgullosa e admiro.

Pola miña banda só podo expresar gratitude, xa que grazas a unha loita e a un conxunto de decisións, puiden formarme nun lugar privilexiado no que noutros países me custaría cifras millonarias. Isto permitiume dedicarme ao que sempre amei: á natureza, ao campo e a súa xente. Falando da súa xente, podo afirmar que eles tamén admiran este feito. Como anécdota, como lle comentaba á miña compañeira, gustaríame mencionar a unha veciña, á que lle estaba morrendo a cría da Nubela, falando da súa vaquiña como parte da familia. Esta muller díxome que viñera un veterinario moi bo, que lle sandou o becerro, pero que claro, que ese rapaz estudara en Lugo!

Por todo isto, polo que a min respecta e á nosa xente, só podo dicir GRAZAS e mil veces GRAZAS, cos pelos de punta! Seguiremos loitando xuntos!