O Campus Terra, o principal proxecto do campus de Lugo e fonte de moitas alegrías para a Universidade galega, non existiría hoxe sen a figura imprescindible de Francisco Cacharro Pardo. O Lugo universitario naceu baixo o seu impulso e titularidade na Deputación provincial, froito do seu empeño para que a cidade da Muralla ofrecese os servizos educativos que merecía. Non só para que os lucenses puidesen cursar estudos universitarios na súa provincia, senón tamén para situar Lugo no mapa destas ensinanzas.
Para iso, a Deputación que dirixiu máis de 20 anos fixo investimentos e puxo a disposición terreos pero, sobre todo, perseverou no seu obxectivo de que a Universidade chegase á provincia. Cacharro Pardo quería que Veterinaria, titulación estrela do campus, fose un elemento dinamizador para a tecnificación agraria e, sen dúbida, 40 anos despois o obxectivo está máis que conseguido.
O grao en Veterinaria foi un dos primeiros en acadar o selo de excelencia da Xunta, o máximo recoñecemento a estas titulacións. Conta tamén desde 2002 coa acreditación da Asociación Europea de Establecementos de Formación Veterinaria, que distingue a centros de referencia en formación veterinaria en toda Europa. Ademais, o ranking de Shangai vén de destacar o liderado desta Facultade, que está entre as mellores do mundo (chanzo 51-75 da clasificación) e entre as máis destacadas de España (posición 4-5 entre as universidades de todo o Estado).
En definitiva, a intensa actividade hospitalaria e de investigación que se desenvolve arredor desta titulación, co Centro de Biomedicina e Veterinaria Cebiovet e o Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, fan da Facultade lucense un fito de orgullo non só para Lugo, senón para toda Galicia, un referente estatal e europeo.
Deste xermolo cobrou vida o Campus Terra, a estratexia de especialización para transformar o Campus de Lugo nun referente científico e social nos ámbitos de coñecemento vinculados á sustentabilidade económica, social e medioambiental do uso da terra. Aquela tecnificación agraria que desexaba, cunha mirada sen dúbida visionaria, Francisco Cacharro Pardo.
Este mesmo ano renovamos a súa acreditación de especialización, e asinaremos un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela por máis de 4M€ para seguir impulsando o proxecto. Desde 2013 a Xunta leva investido nesta iniciativa case 9M€, o que permitiu transformar o lucense nun Campus especializado e intelixente, que destaca pola súa adaptación á contorna e pola súa dinamización da mesma.
Agarda por diante un futuro prometedor, con cada vez máis alumnos no Campus e cun proxecto de instituto de investigación que afondará na interconexión entre a saúde humana, animal e ambiental, e que de seguro lle dará ao Lugo universitario un novo pulo.
Aínda que nado en Xaén, Francisco Cacharro Pardo era un home profundamente lucense e ligado ao Ensino desde o seu nacemento. Mestre e fillo de mestre, foi inspector e xefe da Inspección na provincia, cun coñecemento profundo de cada centro e cada escola. A esa etapa debémoslle o impulso á construción de novos colexios e o tecido dunha amplísima rede de comedores e transporte escolar ao longo e ancho do territorio lucense. Grazas a ese traballo, Galicia ten hoxe o ensino de maior proximidade de toda España, un distrito educativo único onde o alumnado pode estudar e obter os mellores resultados na contorna na que naceu, en igualdade de oportunidades.
Foi o primeiro conselleiro de Educación da Xunta, en 1982, e o legado no eido do Ensino que deixou ao longo da súa extensa carreira como xestor segue sendo un referente para todos os que viñemos detrás. Celebro, por iso, que o campus de Lugo, a Facultade de Veterinaria e a sociedade rendan esta fermosa homenaxe a Francisco Cacharro Pardo no décimo aniversario do seu pasamento, coa súa figura aínda moi presente no noso día a día.