O problema que temos os humanos é que temos moi pouca memoria. E as cousas parece que estiveron aí desde sempre. Hoxe falamos do Camiño Francés a Santiago e parece que é unha realidade que sempre estivo aí. Era o ano oitenta e sete cando o pai Elías Valiña andaba documentando o Camiño e pintando sinais cun bote de pintura, e hoxe parécenos que leva aí toda a vida.
A Ribeira Sacra, hoxe somos alguén, somos algo ou temos aspiracións de telo. Pero isto non foi sempre así. Eu empecei en política no ano 1991, a min paréceme que foi onte mesmo, porque da Ribeira Sacra nin existía o nome, nin existía unha denominación de orixe que foi posterior. Empezamos a xogar co tema de Viños da Terra, que despois levou a unha Denominación de Orixe. Non había infraestrutura turística.
Hoxe eu creo que somos a única comarca de España que ten dous Paradores Nacionais de Turismo, Monforte e San Estevo de Ribas de Sil, e Paradores fai uns estudos de mercado bastante exhaustivos. Hoxe contamos con máis de 70 casas de turismo rural, das que 40 son de gran formato, o que se poida considerar casa grande ou pazo. Hoxe temos empresas de turismo activo -ao mellor non todas as que debería haber-, pero xa temos empresas de turismo activo. E todo isto empezou aló polo 92-93.
Agora, todos queremos ser pais e nais da Ribeira Sacra, e calibrar quen fixo máis ou menos, pero esa Ribeira Sacra que hoxe ten un hotel balneario de gran formato, que foi de cinco estrelas e agora de catro, en Sober, non existía. E cada concello intentaba predicar e facer uns folletos vendendo turisticamente o noso, sen darnos conta que todos xuntos somos alguén, pero individualmente no mundo do turismo, non. O Saviñao non pode ir a FITUR e querer atraer turistas, porque primeiro hai que situar O Saviñao. Eu creo que a Ribeira Sacra foi un gran invento como sinal de identidade daqueles concellos que pertencíamos ao sur da provincia de Lugo e ao norte da provincia de Ourense, que tiñamos unha orografía máis ou menos común, con presencia de dúas cousas esenciais: Unha, o Románico, e outra o viñedo.
A Ribeira Sacra eran aqueles concellos do norte de Ourense e sur de Lugo, que tiñamos unha orografía de media ladeira, de media montaña, e unha produción agrícola en torno á uva que cubre as ladeiras dos tres ríos Miño, Sil e Cabe -esa era a acta fundacional- e tiñamos unha presenza románica. E daquela arrancamos con aquela Ribeira Sacra, da que fun responsable durante nove anos e medio, porque os compañeiros me propuxeron e me empuxaron a presidila, e eu creo que foi unha cousa boa, porque gobernaba nalgúns concellos o PSOE, noutros o Bloque, daquelas había independentes tamén, e moitos o PP. E todos os acordos que se tomaron sempre foron por unanimidade. Eu creo que foi moi bo que nos empezamos a mirar todos como socios e non como rivais.
No ano 93, os dous presidentes das Deputacións, Francisco Cacharro Pardo e José Luís Baltar, asinaron o primeiro convenio de promoción turística do que era a zona sur de Lugo da Ribeira Sacra. Dentro de aquel convenio, que levou uns anos desenvolver, se trouxeron os primeiros catamaráns aos ríos.
Daquela, aquí viviamos da gandaría, da agricultura e tamén -nunha parte importante- da madeira. O turismo non era un piar a ter en conta. Hoxe é un piar emerxente moi potente. Hoxe hai moitos restaurantes, casas de turismo rural, apartamentos turísticos. Hoxe hai unha parte da poboación que xera emprego en torno ao turismo. E se non facemos as cousas moi mal e seguimos, eu creo que vai a ser un piar consolidado.
A primeira vez que alguén con visión de futuro apostou por isto foi Paco Cacharro. Del xa coñeciamos a súa visión de futuro, con aquela aposta clara polo río Rato e o entorno de Lugo, aposta clara despois de ser brevemente conselleiro de Educación nos tempos de Albor, por unha universidade en Lugo, e por fin, aposta polo sur da provincia, polo noso potencial. Daquela mesturábase un pouco o Plan Caurel -non era puramente Ribeira Sacra, senón que era un plan de montaña- co Plan Ribeira Sacra. Pero era certo que da Expo de Sevilla viñeron, mercados pola Deputación, os primeiros barcos, os Pelegrín I, II e III, que viñan de navegar por Sevilla durante a Expo, os primeiros catamaráns da Ribeira Sacra. Agora vemos que hai empresas privadas sucando o río, pero vinte e oito anos despois resulta que aqueles catamaráns que trouxo Cacharro Pardo aínda son os mesmos.
Facemos proxectos de electrificar catamaráns e dar unha imaxe de destino, pero aínda son estes os barcos que el comprou. Aquelo foi un plan moi importante, porque aqueles catamaráns que empezaron a atraer visitantes e a dar a coñecer a zona seguen prestando un importante servizo. Houbo que facer infraestruturas, os clubs náuticos, e daquela se fixeron o Club Náutico de Belesar en O Saviñao, o Club Náutico de Chantada, que por desgracia hoxe está cerrado, abandonado, cunha inversión daquela que superou os cincocentos millóns de pesetas… Así se fixo Augasmestas en Quiroga, o Club Náutico de Portomarín, e o de Taboada.
Co cal, resulta que a primeira visión turística do sur de Lugo e do Caurel nos chega da man daquel convenio que Paco Cacharro animou a Baltar a asinar. E esa foi a primeira aposta, o primeiro xermolo.
Que sería hoxe da Ribeira Sacra sen aquilo? Pois sería como calquera outro territorio interior de España que non ten desenvolvemento turístico, seguiriamos baixo o piar dunha agricultura e dunha gandería cada vez máis minguante.
Hoxe, en O Saviñao, levamos uns anos subindo a poboación moi tenuemente, grazas a ser coñecidos, a que vén xente de Madrid, Barcelona… Hoxe temos ingleses na Ribeira Sacra, temos alemáns vivindo aquí. E hoxe a Ribeira Sacra defende unha candidatura seria que creo ten opcións de poder ser Patrimonio Mundial da Humanidade -o ano que vén o saberemos-, despois de optar por retirar unha anterior que tiña dificultades para reformulala. Pois se conseguimos ser Patrimonio da Humanidade, hai que pensar que ese xermolo empezou a xestarse de forma activa e en documentos no ano 1993.