A mediados da década dos setenta do século pasado eran bastantes os que compartían a preocupación pola discriminación que estaban a vivir en Galicia os meniños, chegando a falarse de marxinación educativa de Galicia, porque oito de cada dez nenos non tiña ensino preescolar e, ao tempo, oito de cada dez tiña atraso na ensinanza primaria, coa sospeita de que estes oito fosen os mesmos oito que non tiveran ensino preescolar. Quen estaba dedicado a traballar polos pobres e tiña a convicción de que a cultura e a educación traen a liberdade ás persoas, como era o caso de don Antonio Gandoy Díaz, coñecido en Lugo como “O cura da bicicleta”, púxose como deber o de matinar en como poñer remedio a aquela marxinación educativa. Porque a un adulto en situación de exclusión social precedeu un neno sen acceso á escola e medios de cultura.
Galicia conta con tantas entidades de poboación como todo o resto de España, e no ano 1970 o 71,50% da poboación de Galicia vivía na zona rura, residindo a metade en aldeas de menos de 25 habitantes. Porque os nenos non agardan e tal diseminación da poboación galega facía imposible que o ensino preescolar chegase pronto, don Antonio Gandoy matinou en ponderar se os nenos poderían recibir educación na súa casa. Esta hipótese de traballo, que coñecín nos meus anos mozos por estar colaborando con Cáritas Diocesana de Lugo, perfilouna compartindo reflexión con mestres e requirindo o criterio de expertos.
Entre os expertos estivo don Francisco Cacharro Pardo, que dende 1973 era o inspector-xefe do Ensino Primario na provincia de Lugo, e que dende esa función deu conformidade a que para o curso 1977-78 dúas mestras e un mestre, funcionarios do Ministerio de Educación, fosen adscritos ao programa Preescolar na casa.
Este programa educativo, que tiña por misión contribuír á formación dos pais e nais con fillos de menos de seis anos para axudarlles a asumir as súas funcións educativas, e colaborar tamén coa escola para favorecer o desenvolvemento persoal e académico dos nenos e nenas, foi medrando até chegar a prestar servizos, ano tras ano, en beneficio de máis de 4.000 familias no curso 2010-2011, para desaparecer no ano 2012, logo de 35 anos.
Esta desaparición veu motivada pola retirada da financiación por parte da Xunta de Galicia, e agora, con anos de distancia, hai que avaliar como moi positiva a traxectoria de Preescolar na Casa, por ter fomentado a implicación de pais e nais no seu papel educador, no que son insubstituíbles, e favorecido que os pais se xuntasen entre si, tamén cos seus nenos, en espazos educativos periódicos dando ocasión á relación entre eles, compartindo inquedanzas, dúbidas, temores e novidades relacionadas co desenvolvemento dos fillos, apreciando modelos e pautas educativas.
Salvo esta desaparición, en nada do acontecido na traxectoria de Preescolar na Casa estivo alleo don Francisco Cacharro Pardo, porque respectando a autonomía propia dese programa, tivo fronte ao mesmo máis que curiosidade, e así, se no seu comezo acometeu o seu papel de Inspector Xefe de Ensino Primario, continuou facéndoo como tal até o ano 1981, e con máis potestade nos anos 1982 a 1986, nos que foi conselleiro de Educación no primeiro goberno galego, presidido por Xerardo Fernández Albor, e tamén na súa condición de Presidente da Deputación de Lugo dende 1983 a 2007. Nesta última condición amosou especial sensibilidade para o fundador de Preescolar na Casa, promovendo que a Deputación de Lugo, que presidía, colaborase economicamente para que a cidade de Lugo contase nunha das súas prazas coa escultura de Antonio Gandoy, inaugurada na homenaxe feita o día 13 de xuño de 2004, onomástica de don Antonio Gandoy, pouco despois do seu pasamento, que aconteceu o 11 de febreiro de 2002.
En torno á figura de don Francisco Cacharro Pardo chegou a existir, no seu tempo, certa unanimidade en considerar que trala súa imaxe de home calado estaba unha persoa omnipotente, promotor de canto se facía e podía facerse na provincia de Lugo. Pasados uns anos, fáltanos saber se realmente tivo a responsabilidade de facerse merecente desta consideración, ou se resultou serlle atribuída de xeito desaxustado á realidade. O certo é que desempeñou postos dende os que deixou relevante pouso até chegar a xerar na conciencia social do seu tempo a consideración de que estaba detrás de canto se movía na provincia de Lugo. Dende logo que no eido do Ensino nada do que acontecía na provincia de Lugo podía quedar, nin quedaba, ao marxe do que don Francisco Cacharro Pardo supervisaba no largo período en que exerceu a función pública como Inspector e se dedicou a participación política, existindo un consenso practicamente unánime en recoñecerlle un papel relevante e decisivo na vida do campus universitario de Lugo.
En todo caso, estimo acertado afirmar que don Francisco Cacharro Pardo tiña criterio ben conformado no eido do ensino polo que, dadas as potestades administrativas e políticas que chegou a asumir, canto aconteceu na traxectoria dos trinta e cinco anos de Preescolar na Casa obtivo o visto e prace de don Francisco Cacharro Pardo, porque podendo poñerlle atrancos, mesmo insuperables, non o fixo. E ningunha responsabilidade tivo na desaparición de Preescolar na Casa, porque no ano 2012 xa non tivo ocasión de intervir dado que deixara de ter participación, mesmo no partido político do que formou parte, tras non participar nas eleccións municipais de 2007.
Xa que logo, don Francisco Cacharro Pardo e o programa educativo Preescolar na Casa mantiveron compañía respectuosa que resultou axeitada.