Isabel Cedrón Digón

Lembranza de Paco Cacharro

Cacharro era moi amigo do meu marido. Eran case da mesma idade (Isidro, de 1935, e Paco de 1936). Xogaban moito de pequenos. Non sei de onde lle veu ao meu sogro a amizade con Don Francisco, o pai, pero el foi quen lle buscou aquí os nenos para que fosen ás súas clases particulares. Entre eles, o meu marido.

Naqueles difíciles tempos da súa nenez na Fonsagrada, máis para eles polas circunstancias políticas, demostraron ser xente moi traballadora. Anos despois, un dos irmáns deume clases particulares en Lugo. Mentres eran pequenos, aquí a xente axudáballes bastante.

E no 1977, veu Cacharro vernos para que participásemos no que logo sería o Partido Popular. Nas primeiras eleccións non tiñamos interventores abondo, e mandáronnos dúas rapazas. Traballamos moito. Eu estiven de concelleira vinte e tantos anos, e oito como deputada provincial. No Concello quedabamos sempre por cincuenta, sesenta votos… Paco axudounos moitísimo. Como axudou a Lugo, onde conseguiu a Universidade. Se así non fose, Lugo sería ben diferente.

Eramos moi amigos, moitísimo! E era unha gran persoa. Por el entrei en política. O meu marido tiña o negocio de coloniais, tiña empregados, e non podía dedicarlle tempo á política, aínda que era o presidente local do Partido en A Fonsagrada. Eu si. Era ama de casa e gustábame a política, porque meu pai sempre foi Alcalde en Cervantes, onde nacín, e puiden seguir a política moi de preto.

Axudamos a Paco en canto puidemos. Non había cousa que el non coñecese en todos os concellos… Ás veces ata chegou a molestarme que coñecese Fonsagrada mellor ca min, porque eu non nacera aquí. El coñecíaa especialmente por ter estado de mestre en Chaín, e logo de inspector. Coñecía todos os camiños e todos os atallos.

Na Deputación, con el, estiven oito anos. Pertencía á Comisión de Goberno, e levaba o psiquiátrico de Castro R. de Lea. Cacharro controlaba todo pero non impoñía nada. Tiña unha grandísima capacidade de convicción, e todo o mundo colaboraba con el na Deputación, a inmensa maioría voluntariamente, convencidos.

Era unha persoa moi intelixente e traballadora, implicábase moitísimo en todo o que facía, e antes de tomar unha decisión, pensábaa, e dáballe moitas voltas. E se vía que non era viable, descartábaa. Era unha persoa con moitas ganas de facer cousas no rural. E fixo moitísimo.

Tiña moita xente que colaboraba con el, mestres e non mestres, porque onde o chamaban, alí estaba. Ía ver un pobo, un camión, unha obra… Andaba como unha bicicleta. Eu andaba moito por ter ido de caza con meu pai polo monte, pero para darlle andado a el, ás veces tiña que correr.

Para A Fonsagrada conseguiunos todo: O Centro de Saúde, o Instituto (daquela era un dos mellores da provincia), que quedara xa preparado por se se quería poñer unha F.P., repetidores de televisión na maior parte das parroquias. E carreteiras. Daquela eran todas de terra. Eu pedía continuamente, os compañeiros queixábanse porque levaban menos diñeiro, e eu tiña que recordarlles que era a única muller, e que o necesitábamos máis ca eles.

Tiñamos unhas carreteiras estreitiñas, que había que ensanchar para que puidesen cruzarse os coches. O caso é que pola necesidade, pola querenza que lle tivese a A Fonsagrada, e pola miña insistencia fixéronse moitas cousas. Xa cando estaba de inspección tiveramos unha liorta entre o Alcalde e eu por unha escola que el quería que fose para Lamas de Moreira e eu que fose para Carballido, un pobo que quedaba a 30 km. de Fonsagrada. Foi para Carballido.

Do meu tempo de política, gardo grandes recordos. A política era moi distinta á de agora. Antes eramos menos xente, pero todos amigos uns dos outros. Formábamos un partido moi unido, moi ben dirixido, no que todos traballabamos.

Había momentos difíciles, porque queríamos conseguir cousas, e eu era a única muller no partido. Fun a primeira. Logo, viñeron outras dúas. Pero non había enfrontamento político. Conseguíanse cousas. E discutíamos no Concello, pero en canto saíamos de alí, íamos todos xuntos tomar café no Club. E cando cambiaron as cousas, eu conseguía cousas sen o permiso do Concello: traía motoniveladoras da Deputación para limpar carreteiras ou para repoñer alquitrán. Sen pedir autorización, aínda que as pistas eran municipais.

Eu dicíalle á xente: “Eu tráigovos obras, pero hai que defendelas”. Un dia paráronnos unha obra cunha motoniveladora, pero logo viñeron os veciños e deixárona seguir. E en Carballido paráronnos a obra durante ano e medio, pero ao final conseguiuse facer, porque cando os veciños vían chegar alguén do Concello, tocaban a campá da igrexa, xuntábanse todos e aparecían na obra para defendela. Conseguiuse, e agora están satisfeitos con ela. Se non fose polo Partido Popular e por Cacharro, A Fonsagrada sería moi diferente ao que hoxe é. Cacharro foi moi bo para A Fonsagrada. E moi bo para a provincia de Lugo.

Foi unha persoa moi traballadora, amiga de facer cousas. E fíxoas sen mirar a cor política dos solicitantes ou beneficiados. Na Deputación, era curioso, porque o Bloque dicía que non a todo, e Cacharro respondíalles que se aclarasen sobre como querían que se fixesen as obras, porque se non facía era porque non valía para nada, e se facía era un oportunista político.