Isidoro Rodríguez Pérez

Francisco Cacharro, facéndolle as beiras ás Terras do Miño por primeiros de século

Corría o ano 1999 cando o por aquel momento presidente da Deputación de Lugo, Francisco Cacharro, me chamou para (en calidade de presidente do Colectivo Cultural María Castaña) estudar a posibilidade de que o noso colectivo realizase un estudo etnográfico do Río Miño ao seu paso polo Concello de Lugo, dende Trabanca (na parroquia de Santa María de Cela, no concello de Outeiro de Rei) até Santa María de Piñeiro (no concello de O Corgo). Unha vez analizada e aceptada a proposta por parte da asociación, púxose en funcionamento un equipo de investigación específico para esta tarefa que estivo conformado por 8 persoas (con diferente formación académica). Non podo deixar de nomear aquí a estas persoas que durante dous anos “…mesmo algunha vez tivemos que saír nadando do río, debido ao noso descoñecemento do medio e a insconciencia…”. Eles son: Mª Xosé Adrio Núñez, Marta Cancio Martínez, Lidia López López, Oscar Lourés Amor, Carmen Pérez Arias, Isidoro Rodríguez Pérez, Ana Mª Rubiero Da Pena e Pablo Varela Pardo. Este equipo contou con 38 colaboradores especialistas e institucións de diferentes disciplinas, foron consultados directamente máis de 60 informantes e case 200 referencias bibliográficas sobre o río Miño. O traballo realizouse en dous anos de dedicación completa, despois de prorrogar, por ampliación dos contidos .

A monografía estivo catalogada baixo 11 ítems:

1. Sistemas tradicionais de paso e regadío, tipo de terras, fincas, valos, construcións, o regadío e o seu sistema, tipos de pasos sobre o río e regatos (pontes, pontellas, pasos, portos…), lavadoiros, baños, insuas.
2. Forza motriz: Muíños hidráulicos, moas hidráulicas, batáns, serras, mazos… Mazo de Santa Comba.
3. Pesca: Especies actuais, especies desaparecidas, artes antigas, caneiros, pesqueiras, pesca actual.
4. Embarcacións: Batuxo, remo ou rema, medias barcas, barcas de paso, barcas de area, barcas de carro, as competicións, lanchas de aluguer.
5. Tradición oral: Lendas, adiviñas, refráns e ditos populares, culto á auga, parrafeos, cantigas.
6. O río Rato ou Fervedoira: Pontes, presas, muíños, Muiño do Tendeiro, Fábrica de curtidos e peles de Abelairas, o muíño de casca, a pesca, as lavandeiras, o lecer.
7. O Miño na escrita dende o cura de Fruíme (1778).
8. Vestimenta: Elaboración (cultivo e proceso do liño, proceso da la, fía, tecido e confección), diferentes pezas de roupa, a evolución da vestimenta.
9. Música: Relación de pezas musicais vinculadas ao río Miño, recollida de distintos sons do Miño (Parolas do Miño), escoitámolos os seus arredores.
10. Fondos documentais: Fotografía (antiga, actual, arquivo propio). Partituras, cartografía, planos deportivos, escrituras de ventas, anotacións persoais.
11. Bibliografía.

A monografía, con cerca de 400 páxinas, foi presentada á UNESCO xunto coas outras investigacións e traballos, o que serviu para que no ano 2002 “Terras do Miño” fose declarada Reserva da Biosfer, sendo a segunda máis grande da Península Ibérica e a máis grande de Galicia (na actualidade ocupa un 39% da provincia de Lugo). Así comeza este informe:

Dende a hora de poñernos a este traballo, a nosa ansia sempre foi a de coñecer mellor o noso río e realizar un estudio o máis rigoroso, dentro dos nosos coñecementos, á vez que sinxelo. A medida que ía avanzando a observación etnográfica, fomos observando unha serie de características que incluían a outras disciplinas, nas que non quixemos entrar, por ser misión doutros equipos o facer ese estudo, o que non impediu que os noso datos fosen ofrecidos e utilizados por outros, como é o caso da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC do Campus de Lugo. En moitas ocasións a nosa ruta de traballo viuse alterada coa finalidade de favorecer o labor doutros grupos de traballo.

Non vou desaproveitar a ocasión de transcribir un anaco do contrato asinado no seu momento por Francisco Cacharro Pardo e Isidoro Rodríguez Pérez o 31 de decembro de 1999:

La Asociación María Castaña de Lugo acepta realizar el asesoramiento referente a los valores culturales tradicionales y populares para el equipamiento de los Centros de Interpretación del MIÑO y AS INSUAS, de Rábade, Mazo de Santa Comba, Taller de Alfarería de Bonxe y Casa de la Radio, que se llevan a cabo con el Programa PRODER MIÑO […] así como la realización de material documental de contenido variado, información y textos sobre tradiciones, música, cuentos y leyendas que pertenezca a la cultura gallega de la cuenca alta del Miño […] bibliografía, poesía, prosa sobre el río, vestimenta, cancionero, refranero ligados al tema fluvial […] usos del río, fuerza motriz, pesca, estructuras tradicionales de regadías, fincas […] portos, pasos,insuas […] especial atención se prestará al estudio de As Insuas de Rábade, el Molino del Río Rato, el Mazo de Santa Comba […] el plazo de ejecución es de 12 meses a partir de la forma del presente contrato.

Teño que sinalar que, máis alá dos responsables do proxecto no INLUDES, Francisco Cacharro persoalmente nos pedía información do desenvolvemento da investigación, participaba directamente (a pesar da delegación que tiña feita no seu persoal), preocupándose non só da parte contractual, e si máis ben da cualitativa e humana da investigación, cuestións de se o equipo estaba cómodo traballando, se tiñamos algún atranco, desentendemento, no traballo de campo, coa súa institución, ou se precisabamos algo concreto para cumprir os obxectivos, algo que foi de agradecer.

Non podo rematar sen deixar de realizar uns apuntamentos subxectivos. A miña relación con Francisco Cacharro foi unicamente cultural, a través desta e outras actividades. O meu coñecemento da súa persoa é polo tanto moi limitado, e non teño elementos de valor para analizar e moito menos axuizar a súa labor. A pesares de que sempre lle manifestei tanto publicamente como de xeito privado que non compartía a súa ideoloxía política e/ou social (aliñándome cunha postura progresista, tanto nas votacións da Asociación Terras do Miño como no Patronato de Cultura da Deputación Provincial, así me clasificaba como oposición), non por iso deixou de amosarme o seu respecto persoal e incluso admiración, polo meu traballo desenvolvido nos eidos culturais. Sirva de mostra unha reunión celebrada no castelo de San Paio de Narla, na que cando chegou a hora de realizar unha votación (a man alzada), cando nos touco ás tres persoas que representabamos a diferentes entidades e institucións e que, por afinidade, estabamos sentados xuntos, díxonos coa súa retranca: “Ustedes no hace falta que levanten la mano, ya les anotamos a los tres que están en contra”, o que nos fixo esbozar un sorriso e facer algún comentario xocoso.

A miña frase favorita cando me chamaba para facerme unha proposta, e que ás veces xa ma adiantaba el ríndose, sempre era a mesma: “Eu veño aquí a facer cultura, a política fágoa noutro sitio”. Ao que el asentía dicindo: “Iso é o quero eu, que veña vostede a facer cultura”. Cada quen que o interprete como queira, as lectura poden ser varias.

Sen entrar a valorar se as súas actuacións foron boas ou malas para a provincia, a miña pregunta respecto a este persoeiro sempre vai no senso de descubrir, non se o fixo ben ou mal, máis ben se os proxectos que el realizou, como o que veño de relatar, serían hoxe unha realidade tanxible, non caso de non estar El-Señor facéndolles as beiras.

Lugo, 24 de San Xoán de 2025