Carlos Herrero Latorre

Francisco Cacharro e o Campus de Lugo

Desde os inicios da Universidade en Lugo na década dos setenta do século pasado, cando se integran na Universidade de Santiago de Compostela os estudos de Maxisterio, de Enxeñaría Técnica Agrícola (na EUITA) e se crea o Colexio Universitario, ata o día de hoxe, no que o Campus Terra da USC é un referente docente e investigador consolidado no Sistema Universitario Galego, a colaboración da Deputación coa iniciativa universitaria lucense foi unha constante.

Esta contribución da institución provincial ao desenvolvemento dos estudos superiores na cidade de Lugo iniciouse decididamente durante a presidencia de Luís Cordeiro (cando a Deputación, xunto con outras institucións, achegou terreos e fondos para o Colexio Universitario de Lugo), e continuou cos diferentes presidentes e gobernos, independentemente da súa cor política, ao longo destes máis de cincuenta anos. Non obstante, entre todos eles, sería inxusto non recoñecer o papel fundamental que para o Campus de Lugo tivo Francisco Cacharro Pardo.

Na miña etapa como vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo entre 2002 e 2010 tiven a fortuna de coincidir con el no período que vai de 2002 a 2007, e sei de primeira man que Francisco Cacharro xogou un papel crucial no desenvolvemento do Campus de Lugo, sendo un dos principais artífices do seu crecemento e consolidación como unha das principais institucións educativas de Galicia.

A súa implicación co proxecto comezou na década dos noventa, cando o campus lucense estaba a piques de dar o seu primeiro paso cara á súa expansión, e non se limitou só á súa faceta administrativa, senón tamén á súa visión a longo prazo para situar Lugo como un referente académico e investigador. A implantación dos estudos de Veterinaria e a construción dun edificio para esta titulación foron o momento chave no crecemento do campus tal como hoxe o coñecemos, e todo iso se debe á Deputación Provincial e ao propio empeño persoal de Francisco Cacharro. Logo chegarían outras colaboracións para a construción dos edificios e dotacións da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, o Complexo Docente, a sede do Instituto de Biodiversidade e Desenvolvemento Rural, e moitas outras máis, que sempre se levaron a cabo en parcelas do Campus postas á disposición da USC pola Deputación.

Cacharro soubo percibir o potencial da cidade para acoller unha institución educativa que, ao longo dos anos, sería un motor de dinamización económica, social e cultural. A súa dedicación ao Campus de Lugo permitiu a transformación dunha cidade que, tradicionalmente, non era vista como un centro de formación superior. Ademais, Cacharro desempeñou tamén un papel principal na relación entre o Campus e a cidade de Lugo, establecendo pontes entre a Universidade e a cidade. Esta integración non só beneficiou a estudantes e docentes, senón tamén á sociedade local. A creación de espazos de interacción entre os estudantes e o resto da cidadanía, a promoción de actividades culturais, deportivas, e o patrocinio e apoio de cursos, congresos e outros eventos científicos e académicos, foron quen de propiciar un cambio de modelo na sociedade lucense.

Naqueles anos entre 2002 e 2007 tiven oportunidade de comentar con Cacharro en diversas ocasións as súas ideas sobre como a implantación da Universidade en Lugo e a incorporación de máis e máis titulacións e iniciativas de investigación tiña que ser unha acción transformadora e modernizadora da cidade e da provincia, ademais de, por suposto, unha fonte de profesionais cualificados para a sociedade galega. Francisco Cacharro, persoa de claras conviccións, mantívose fiel á idea universitaria, aínda que me consta que, en ocasións, a súa paixón polo campus lucense non foi ben entendida por algúns dos seus colaboradores, que avogaban por priorizar outras iniciativas antes que a universitaria. E, así a todo, el tiña razón. Quero tamén destacar que a súa influencia política foi moi importante para acadar un perfil de titulacións relacionadas co sector primario, que logo desembocaría no actual campus de especialización: o Campus Terra.

Para rematar, aínda que outras voces poderán facelo con máis coñecemento ca min, non me resisto a dedicar unhas breves verbas á súa personalidade, que curiosamente puiden coñecer moito mellor despois de que ambos deixáramos os nosos respectivos cargos, cando nos tratamos de forma relaxada e fóra das obrigas institucionais. Home intelixente e agudo, con gran capacidade de análise, Francisco Cacharro era moi bo conversador, tiña unha gran capacidade para a ironía e un fino sentido do humor.

Sen dúbida, os universitarios lucenses témoslle que estar agradecidos a Francisco Cacharro, porque sen el, o Campus de Lugo -e, por tanto, tamén a USC- non serían o que son. O seu legado perdura hoxe en día nas iniciativas e avances que continúan a enriquecer a vida académica e científica do Campus Terra.

Grazas, Paco.