Eu primeiro coñecín ao seu irmán, que estivera en Salamanca como director dun colexio, e despois como delegado de Educación. E logo a Paco. Os dous eramos fillos de mestres represaliados, e tivemos moita relación. Daquela era viaxante. Era unha excelente persoa.
Meu pai, Jesús López Losada, no 1936, estaba en Santa Cruz, na Coruña. Tiña un alumno moi rebelde, e un día tivo que expulsalo. E o pai de alumno denunciou que era comunista. Lembro perfectamente que chegaron á miña casa de noite, a buscalo. Eu tiña seis anos. Levárono ao Castelo de San Antón. Diante disto, un amigo de meu pai, tamén mestre, falanxista, veu á nosa casa e díxolle a miña nai que ao día seguinte fose con el á Coruña para sacalo do cárcere, porque senón íano fusilar.
Fun á Coruña con miña nai. Acórdome que estaba a Ponte da Pasaxe chea de cadáveres polas cunetas. No coche, a xente choraba. Rescatado meu pai, o compañeiro recomendounos que nos fósemos o máis lonxe que puidésemos. E fomos para a casa de meus avós no Sirgal, en Monterroso,
Como meu pai non tiña outro medio de vida, puxo unha Academia en Monterroso, chegando a ter gran sona na comarca. Nela preparaba desde primeiro ata a reválida do Bacharelato, que daquela era de sete anos. Daba el todas as asignaturas, agás Relixión, para a que tiña contratado un crego. Tiña numerosos alumnos. Todo o mundo coñecía a situación, e ninguén dicía nada. Máis aínda: Cando viña Franco para Meirás, que se detiña a todos os que tiñan sona de esquerdas, o meu pai ía para a casa do xefe de Falanxe, que era un veciño moi amigo noso. En Monterroso apoiárono todos, e a Garda Civil nunca se meteu con el. O certo é que era moi boa persoa.
Meu pai chegou a ser rehabilitado cando xa tiña sesenta anos. E asignáronlle a escola de Montefurado, á que non podía ir porque tiña a Academia en Monterroso. O inspector, don Ubaldo, autorizou que fose eu no seu lugar, e non só estivo moi conforme co meu traballo, senón que me pedía que o acompañase cando ía visitar aos compañeiros das escolas daquela zona. Don Ubaldo tiña gran simpatía polo meu pai, sospeito que por ter sufrido algo similar no seu momento. Era moi parecido a Cacharro, un compañeiro para os mestres.
Estiven de mestre en Lago ata que se construíu o Grupo Escolar de Xove que promoveu Pedro Caselles, onde nos concentramos todos os mestres.
En Lago, Francisco Cacharro era o meu inspector. Era un compañeiro máis, un mestre. Nunca tratou a ningún mestre con superioridade, e calquera mestre de Lugo poderá confirmar que se preocupou por todos, e a todos nos tratou ben. E todos temos motivos de agradecemento a Paco Cacharro. Cacharro era moi humano, e eu queríalle moito.
Rematamos este capítulo dedicado ao Paco Cacharro máis novo con parte das súas respostas a Tonina Gay en Televisión Lugo en outubro de 1994. Sobre a escola á que asistía de neno:
Había bastantes alumnos. Daquela o ensino na etapa primaria ou básica era moi distinto de hoxe, e normalmente nunha mesma clase o mestre impartía clase para alumnos de todos os niveis. Solo xa moi posteriormente se van implantando as escolas graduadas, primeiro, e logo, xa a partir do ano setenta, implántase a Educación Xeral Básica, e isto supón unha revolución escolar na provincia de Lugo, unha revolución que me tocou a min levar a cabo en grande medida, pois unha gran parte da concentración escolar, da planificación dos colexios desta provincia, correspondeume a min levala a cabo dentro da miña profesión de inspector de ensinanza.