Francisca López

Artesanía e Deseño na Deputación de Lugo

Poucos saberán que Francisco Cacharro defendeu no Senado o desenvolvemento do artigo 130.1 da Constitución, que establece que os poderes públicos deben atender á modernización e desenvolvemento de todos os sectores económicos, con especial atención á agricultura, á gandaría, a pesca e a artesanía.

Algúns puidemos ver o seu discurso no transcurso dunhas xornadas de comercio de proximidade organizadas pola Xunta hai aproximadamente vinte e cinco anos, pero o realmente importante foi todo o que fixo para que as súas palabras se tornasen realidade.

Cacharro foi un home xeneroso, culto e especialmente sensible coa supervivencia dos oficios artesáns. Creou os talleres de Instrumentos de Música Medieval, de Traxes Tradicionais, Ebanistería, Encadernación, o Taller de Cestería, a Escola Taller e o Centro de Artesanía e Deseño, centrAD, que aglutinou a xestión de todos estes talleres ao tempo que traballaba para a protección e desenvolvemento do sector artesanal.

No ámbito dos oficios tradicionais foi o artífice da recuperación do taller de olería de Bonxe, apoiou tamén a olería de Gundivós, organizou os dous primeiros Encontros Internacionais de Cestería, os primeiros Encontros de Torneiros, traballou cos ferreiros de Ferreiravella, cos artesáns dos Muíños en Mondoñedo, cos luthiers, tallistas, ebanistas, canteiros, ourives, gravadores, palilleiras, tecelás…

Dende 1995 ata 2006 organizou arredor de 50 exposicións de artesáns locais e de artesanía popular, algunhas das cales tamén percorreron salas de cultura e centros comarcais de dentro e fóra da provincia: Entre fíos, Tecidos e tecelás, Mestres Artesáns de Galicia, Olería Popular de Bonxe, Gundivós, Niñodaguia e Buño, Traxes Tradicionais, Os monicreques de Kukas, Encaixe de palillos, etc.

Baixo a súa dirección, e durante os doce primeiros anos de vida, o centrAD converteuse nun centro de formación que abarcou practicamente todas as actividades do sector artesanal en Galicia, organizáronse unha media de trinta e cinco cursos ao ano, boa parte de longa duración, da man da Xunta de Galicia e dos propios gremios artesáns, en toda a Comunidade. Unha formación con enfoque profesional e que se completaba coa organización de visitas de artesáns a outros centros de artesanía de Europa, como o Craft Council de Londres, Design & Crafts Council de Irlanda, el Viaduc des Arts de París, museos, galerías ou salóns profesionais como Maison Object, Intergift, Expohogar… onde os artesáns podían comprobar de primeira man como traballaban os seus homónimos doutros países: as súas técnicas, materiais, inspiración, obxectivos, necesidades e evolución.

Para afondar aínda mais na formación e incentivar o emprendemento creou o Programa de Apoio ao Desenvolvemento Artesanal, PADA, no que se premiaron proxectos de estudos no estranxeiro, ou de investigación, como a Guía de plantas cesteables de Galicia de Idoia Cuesta, Riscos e toxicidade na actividade cerámica de Enrique Leirachá, ou o estudo da técnica de gorullo no textil tradicional e súa aplicación actual de Anna Champeney.

Foi tal a cantidade e nivel de traballo naqueles tempos que paralelamente ao desenvolvemento das actividades fóronse recuperando os edificios do complexo do Fogar de Santa María para ampliar aulas, almacéns e espazos expositivos e de xestión. Así, ademais da obra principal do pavillón 4, recuperouse a Capela de Santa María e os pavillóns 2, 5 e 7, este último cun Obradoiro de Emprego no que tamén se incluíu un módulo de cerámica.

Sen dúbida, os anos nos que gobernou Cacharro foron a época dourada da formación para artesáns na nosa provincia.

Con todo, o que lle preocupaba realmente era que ese esforzo da administración se vise reflexado na vida e na economía das persoas, motivo polo cal o centrAD desenvolveu tamén unha liña de traballo ben clara e definida en torno a procura de oportunidades comerciais para artesáns e emprendedores.

Así o centrAD contou no seu tempo cun asesor laboral e fiscal especialmente dedicado a asesorar e acompañar aos artesáns nos seus emprendementos, formou parte do Servizo Galego de Colocación e puxo en marcha varias liñas de promoción comercial.

A nivel local creou as feiras de Artesanfroilán e o Mercado de Nadal. Con alcance nacional e internacional organizou a presenza de Artesanía de Galicia en Silleda e nos salóns internacionais de Intergift, Manual Show, Expohogar e Feira do Artesanato en Oporto. Puxo en marcha unha rede de exposición e venta de artesanía en establecementos rurais da provincia, e un showroom (exposición orientada a facilitar a relación entre artesáns e comerciantes) localizado no pavillón 4 do centrAD.

Organizou as Xornadas de Reproducións de Arte coa participación de representantes de tendas de museos e galerías de arte, onde se deron a coñecer as primeiras coleccións deseñadas no centrAD en torno ao noso patrimonio castrexo e romano, xunto coa colección de miniaturas de instrumentos de música medieval.

Falando de arte, non podemos deixar de destacar que Cacharro foi o responsable de converter a Capela do Fogar de Santa María nunha das mellores salas de exposicións de Galicia.

Exposicións individuais como as de Ángel Garraza, Kei Ito, Xabier Toubes, Tomas Butcher ou Cerámicas de Picasso, e colectivas como Dous Culturas e un Diálogo, Configuras, Rastros, Etnolab ou Mulleres desde o vidro, foron protagonistas nun espazo cunha programación continuada, moi coidada e recoñecida internacionalmente, que representaba a excelencia dos oficios artesáns convertidos en arte contemporánea que abría as mentes e os corazóns, que conmovía e inspiraba.

Un camiño tremendamente complexo polas peculiaridades propias do sector, que foi medrando en recoñecementos por parte doutras administracións e centros de artesanía cos que colaboraba: Artesanía de Catalunya, Centro de Artesanía de Aragón, Centro de Artesanía de Murcia, Centro de Cerámica de Valencia, CEARCAL, CEARTE de Portugal, Pole Regional des Metiers d’Art Poitiers, Crafts Council of Ireland, etc.

Tamén contou co apoio de entidades financeiras como a Fundación Caixa Catalunya, coa que desenvolveu a expedición de canteiros galegos aos obradoiros da Sagrada Familia, talleres de trencadís para crianzas, a exposición homenaxe a Manuel Mallo e a publicación bilingüe Obradores Gaudí.

Xa na súa última etapa, quizá a mais complexa por todo o movemento político que se xerou ao seu redor, foi xefe de fila e responsable do proxecto europeo Avantacraft, que foi considerado un referente e modelo a seguir nos Open Days celebrados en Bruxelas.

Co paso do tempo e a experiencia acumulada doume conta do seu vasto coñecemento do territorio, a súa capacidade de traballo, o seu pragmatismo e visión de futuro, resultando ser un auténtico pioneiro que apostou por un traballo integral e de calidade que asentou as bases do sector artesanal galego tal e como o coñecemos hoxe en día.

Non sempre foi doado, con todo… Nobreza obriga.