Santiago Fernández Rocha

A miña experiencia con Francisco Cacharro

Nesta breve aportación non pretendo centrarme no que Francisco Cacharro fixo no eido político. Máis ben remitireime ao que a min me dixo e que considero relevante para definir ao personaxe. Pero tamén o que puiden sacar en claro das miñas breves conversas con el.

En todo caso, para empezar, quixera salientar que foi un político moi controvertido, pero tamén figura clave da política lucense ao longo dun cuarto de século.

A primeira conversa que tiven con el data de principios dos anos noventa. Durante a mesma, lembro que me manifestou a súa, poderíamos dicir admiración, polas virtudes políticas de Antonio Rosón. Considerábao como o político lucense máis relevante, e aínda que non compartía algunha das súas ideas, sempre o viu coma un referente, pero tamén coma un dos seus grandes adversarios políticos. Derrotalo no eido político foi posiblemente para el o seu primeiro gran triunfo. Abríalle o camiño para o seu futuro liderado na provincia.

Outra das reflexións das que me lembro foi o feito de considerar que as ideoloxías xa formaban parte do pasado. Entendía que o capitalismo conquistara a hexemonía, e había que facer política dentro dese único marco. Pensaba, polo tanto, que os grandes relatos que definiron parte dos séculos XIX e XX estaban superados. En consecuencia, pensaba que dentro dese marco a política tiña que ter un alto compoñente pragmático. Este feito creo que foi moi relevante na súa acción política, e que en parte define a súa traxectoria.

Noutras conversas que tivemos xa apartado da política e despois de rematar as tertulias na SER, onde coincidimos varios meses, sempre vin nel un carácter moi reservado. Nunca me falou mal de ninguén, cousa que sempre valorei. Mostrábase acotío extremadamente prudente nas súas consideracións, e nunca daba a impresión de ser coñecedor do que ti lle contabas, aínda que sabías que en moitos dos casos fora protagonista. Esa era unha das súas moitas habilidades na relación social, facerse o parvo.

No eido das súas preferencias na selección de colaboradores sempre me deixou claro o seu aprecio pola xente seria e traballadora, máis aló doutras virtudes.

En todo caso puiden decatarme de que unha das súas grandes destrezas era a súa capacidade para coñecer a natureza humana, que xestionaba sempre con singular habilidade. Coñecía como ninguén o carácter da sociedade lucense, en particular da sociedade rural.

Por outra banda, creo que sempre entendeu Lugo como un espazo rural, e nunca viu a cidade coma o gran motor de desenvolvemento da provincia. Máis ben o contrario. Pero era moi consciente da necesidade dun instrumento que impulsase e axudase ao desenvolvemento do rural, e buscouno na creación dun campus específico que dese solución técnica aos problemas do noso atraso no eido agrario, gandeiro e forestal. Nesa tarefa puxo todo o seu afán político, e creo que foi o seu gran acerto.

En fin, creo que foi un político relevante para Lugo polos proxectos que logrou, pero tamén moi controvertido pola súa forma excesivamente personalista de facer política. Un político, talvez, con demasiados trazos decimonónicos na súa forma de exercer a política, que tiña difícil encaixe nun amplo sector social urbanita máis aberto e liberal, aínda que Francisco Cacharro sempre encaixou como unha luva naquela tradicional e maioritaria sociedade lucense da época.