Cando están a piques de cumprirse 41 anos dende que, o 5 de novembro de 1984, se impartise a primeira clase da titulación de Veterinaria no Campus de Lugo, é un bo momento para ollar atrás e ver o impacto que a Universidade tivo e ten na cidade e provincia de Lugo. É tamén unha boa oportunidade para recoñecer o papel esencial xogado polas institucións, particularmente pola Deputación Provincial, para lograr este éxito colectivo que contribuíu e contribúe, de xeito decisivo, ao fortalecemento e estruturación da sociedade lucense.
A implantación da Universidade na cidade de Lugo susténtase en tres piares esenciais sen os que non tería sido posible o seu afianzamento:
– Colexio Universitario.
– A incorporación das Escolas profesionais.
– A Facultade de Veterinaria e configuración do campus.
O Colexio Universitario de Lugo
O Colexio Universitario de Lugo xorde no ano 1972 como consecuencia das reformas introducidas pola Ley General de Educación de 1970, coñecida como Lei Villar Palasí, quen foi ministro de Educación na conformación do Ensino Universitario. Neste contexto, estrutúranse os novos estudos universitarios en 3 ciclos: Diplomatura, Licenciatura e Doutoramento. Dende un punto de vista organizativo, as facultades impartirían os tres ciclos, ao tempo que se creaban Escolas e Colexios Universitarios, autorizados unicamente a impartir os estudos de primeiro ciclo.
É, como consecuencia desta reforma educativa e grazas ao compromiso e á petición expresa da Deputación Provincial e Concello de Lugo, cando xorde o Colexio Universitario en Lugo no ano 1972. É un momento relevante para a Universidade, xa que ámbalas dúas institucións asumiron dende o primeiro momento a necesidade de apoiar a conformación do campus universitario en Lugo, movemento ao que se sumaría a partir dos anos 80 a Xunta de Galicia como administración responsable do ensino universitario no noso país. O Colexio Universitario impartiu desde ese primeiro momento o primeiro ciclo dos estudos de Ciencias e tamén dos correspondentes ás titulacións da área de Humanidades, englobadas daquela baixo a denominación de Filosofía e Letras.
A incorporación das Escolas profesionais
A outra panca esencial para a configuración dos estudos universitarios en Lugo foi a incorporación das escolas profesionais ao ámbito universitario. A xa mencionada Lei Villar Palasí contemplaba a transformación das Escolas de Maxisterio, de Enxeñaría Técnica e as profesionais de Comercio, entre outras, en entes universitarios. En Lugo xa existía unha Escola Normal de Maxisterio dende 1842, aínda que non se consolidara ata 1849 e, con sucesivas denominacións e emprazamentos, unha Escola Profesional de Comercio dende 1945, así como unha Escola de Enxeñería Técnica Agrícola dende 1963. A súa incorporación deu lugar ás Escolas Universitarias de Formación do Profesorado de EXB, de Estudos Empresarias e de Enxeñaría Técnica Agrícola. Deste xeito, o Colexio Universitario e estas tres escolas foron as primeiras manifestacións da Universidade na cidade de Lugo.
A Facultade de Veterinaria e a configuración do Campus
Tiveron que pasar 15 anos para dar outro paso substancial para avanzar na consolidación do campus e na súa configuración e orientación cara ao sector primario, elemento clave da súa especialización: o asentamento en Lugo da Facultade de Veterinaria.
O 17 de marzo de 1983 a Xunta de Goberno da Universidade decidiu por 12 votos contra 10, e 1 voto nulo, que a Facultade de Veterinaria se asentase en Lugo. Cómpre recordar que a Escola de Veterinaria estivo situada en Santiago entre 1882 e 1924, en boa medida grazas ás xestións de Eugenio Montero Ríos, quen tamén presidira a colocación da primeira pedra para a construción do novo edificio na Rúa do Hórreo, que non se inauguraría ata 1915, e que hoxe alberga a sede do Parlamento de Galicia. Alí desenvolvéronse os estudos veterinarios ata 1924, en que o Directorio Militar de Primo de Rivera decidiu suprimir a titulación debido ao escaso número de estudantes. Xa as Deputacións galegas tiveran outra intervención determinante para evitar o peche dos estudos a finais do XIX pola mesma razón do escaso número de alumnos.
Con estes precedentes, ten máis mérito aínda que a Universidade decidise en 1983 radicar a nova Facultade en Lugo, no mesmo momento en que se discutía a estrutura de Campus da Universidade de Santiago. Mais aló da conexión evidente dos estudos de veterinaria coa importancia sector gandeiro na provincia, hai coincidencia en afirmar o papel determinante dun catalán afincado en Lugo dende 1898, Juan Rof Codina, e a súa aposta pola renovación da gandería galega, coa aplicación e divulgación de novidades zootécnicas e a posta en práctica de medidas de hixiene pecuaria para a mellora substancial do continxente gandeiro. Por todo iso, o noso hospital veterinario e a Fundación que o xestiona levan o seu nome, e tamén a RAGC distinguiu a súa figura como científico galego do ano 2022. Tampouco se pode deixar de mencionar unha vez máis o apoio institucional da Deputación provincial, responsable da cesión dos terreos e da construción da sede inaugurada en 1991.
A configuración do Campus seguiría o seu proceso coa creación das Facultades de Ciencias en 1991, e de Humanidades para albergar os estudos destas ramas de coñecemento impartidos no Colexio Universitario, e coa conversión das Escolas de Formación do Profesorado e de estudos empresariais, en Facultades a raíz da implementación do plan Bolonia e coa conversión dos estudos de Diplomatura en Graos.
Na parte final desta estruturación universitaria deuse un paso que supuxo o establecemento doutro piar determinante na configuración do perfil do Campus, como foi a creación, en 1993, da Escola Politécnica Superior de Enxeñería. Este feito foi produto da incorporación, ademais da Escola Universitaria de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas, das Escolas Técnicas Superiores de Enxeñeiros Agrónomos e de Montes, creadas en 1989 e 1991 respectivamente. Engadíanse, deste xeito, os estudos relacionados co sector agrícola e forestal.
Neste rápido percorrido pola historia da Universidade na cidade de Lugo, que suma xa cincuenta anos, merece a pena salientar o apoio decidido e reiterado da Deputación Provincial de Lugo, o seu compromiso financeiro para a construción do Colexio Universitario, da Facultade de Veterinaria e para a posta en marcha do Hospital Clínico Universitario Rof Codina, así como a xenerosidade á hora de ceder terreos nos que situar outros centros docentes e de investigación, ou terse prestado de xeito constante a colaborar na organización e programación de centos de actividades co obxectivo de fortalecer a sociedade lucense e tamén a relación entre esta e a Universidade. Por todo isto, a Universidade concedeulle á Deputación a súa Medalla de Ouro, que recibiu o seu Presidente dende 1983 ata 2007, Cacharro Pardo, o 28 de xaneiro de 1999, quen recoñecía que ao colaborar coa Universidade, a Deputación estaba cumprindo coa súa misión de contribuír ao desenvolvemento da provincia. Esta aposta e compromiso seguen hoxe vixentes e máis vivos ca nunca, podendo dicir que Lugo conta cun campus universitario vizoso grazas á xenerosidade e a ese compromiso reiterado da súa Deputación Provincial.