Na conversa con Tonina Gay, en Televisión Lugo lembrouse a nenez de Paco:
Queda iso tan lonxe que case non se acorda un… Penso que era un rapaz cun carácter agradable. Levábame ben coa xente, eu polo menos recordo que me trataban ben, e non tiña problemas de adaptación nin dentro da familia, nin tampouco na comunidade en que vivía, primeiro no pobo da Fonsagrada, despois aquí no barrio, en Lugo.
Non tiña moi claro o que pensaba ser de maior. Pode ser que ao mellor a adicación ao ensino fose un obxectivo, polo exemplo familiar. É posible que si. E cara aí me fun dirixindo, pero tampouco era previsible aventurar cando tiña doce, catorce anos, a evolución, por exemplo, que fose chegar a ser presidente da Deputación. Iso non entraba loxicamente nos cálculos que puidese facer.
A miña primeira escola, é curioso, é distinta da de case todos os rapaces da miña idade, porque a miña escola daquela era na propia casa. Meu pai era mestre, e eu, por conseguinte, asistía a clase con el, na propia casa onde vivía, porque era unha escola particular, e alí dou eu os primeiros pasos do ensino básico, do ensino primario.
Se isto era unha vantaxe? Creo que non. Indudablemente que nas clases o trato era o mesmo que o que recibían o resto dos cativos que asistían á clase. Eu penso que máis que vantaxes, o que tiña eran inconvenientes, porque estaba moito máis controlado, e incluso nas horas libres, se había tarefas pendentes de facer ou algo, o control era maior aínda que para os outros.
Quen primeiro nos fala de Paco Cacharro na Fonsagrada é o fonsagradino Manuel Curiel, director da Semana de Cine de Lugo, que sempre comenta a boa sona que o neno tiña no pobo.
A familia era especial, moi boa xente, e contábase que o pai era un mestre represaliado, que en principio fora condenado a morte, e para sobrevivir naqueles tempos difíciles montou unha academia na casa onde vivía, na avenida de Galicia 3, onde hoxe está a Zapatería Mosteirín.
A familia tiña moito trato coa miña, especialmente coa miña nai e miñas tías. Paquito era o neno da casa. Todo o mundo lles quería ben.
No ensino
En Lugo estuda na Escola de Maxisterio. Para as economías modestas, daquela e aínda despois, quen quería estudar só tiña acceso relativamente doado á carreira de Maxisterio e aos estudos no Seminario. Logo, seguirá estudando. E por fin, empéñase en que a Universidade viñese para Lugo.
Tonina Gay, na súa entrevista, comentoulle que era curioso que dos nove lucenses cos que se entrevistou naquela serie de conversas en profundidade, oito deles tiñan ou tiveran un tempo da súa vida relación co ensino: universitario, maxisterio, eclesiástico, primaria ou formación profesional. Ningún deles fora invitado por ensinante, pero a realidade era que persoas de responsabilidade política ou relevancia profesional, oito de nove pertencían ao mundo do ensino.
E á pregunta de se iso se debía a que antes, en Lugo, a única saída de cara a unha carreira, era a escola de Maxisterio, comentou:
Isto hai tempo falábamolo cuns interlocutores que mostraron a súa estrañeza de que houbese tanta xente de profesores de Lugo por aí adiante, de que os institutos de Bacharelato que se están instalando en pobos pequenos da provincia tiveran tanto alumnado, e a razón é que aquí de sempre a xuventude non tiña outra saída no terreo laboral, non había colocacións fáciles, e entón o único que se podía intentar era pola vía do estudio, intentar saír para adiante.
Iso explica a dedicación ao estudo nas zonas rurais, que se dá nun alto grado, a pesar da dificultade que ten. Por contra, nas zonas industriais, os rapaces aos dezasete, dezaoito anos, atopan traballo con facilidade e non se dedican ao estudio. Despois, porque hai tanto mestre, tanta xente que se dedicou ao ensino aquí na provincia de Lugo? Efectivamente, un dos centros onde se podía recibir unha formación para exercitar unha profesión era a escola de Maxisterio. Eu fun alumno da Escola de Maxisterio de Lugo, e fun profesor dela tamén despois, andando os anos.
Faláballe Tonina do cambio radical rexistrado en canto a novos métodos pedagóxicos no ensino, respostando el:
A nova situación permite moitos cambios, pero penso que tamén é un cambio social. Pensemos o que sucedía antes da concentración escolar, que tivo moita resistencia nos primeiros momentos, e aínda estes días vemos algún incidente que está a ter lugar en algún pobo da provincia.
Ata entón os rapaces, os nenos dos distintos pobos dun concello, non se coñecían. Normalmente vanse coñecer aproximadamente cando vaian á “mili” ou moi pouquiño antes, pero pensen o cambio sociolóxico que supón o feito de que eses cativos, xa desde os seis anos, incluso desde antes, porque tamén os párvulos asisten, están convivindo cos de todas as outras parroquias dun concello, ou de varios concellos, e utilizando uns servizos públicos como os que poda haber nunha cidade, aínda que discorra por outros sitios, como pode ser un transporte escolar.
E todo isto, loxicamente, dá unha conciencia social e de unidade, de comunidade, dentro da zona que afecta ao colexio, moito mellor que a que podía haber antes. E xa no terreo propiamente educativo, pois que dúbida cabe, que ao poder graduar mellor unha ensinanza, que están os alumnos de cada nivel recibindo un tratamento axeitado ao seu grado de desenvolvemento aos obxectivos que se esixen, pois cunhas instalacións mellores cás das escolas unitarias, isto permite un avance considerable nos métodos, nos procedementos de ensinanza.
Pedíndolle opinión comparativa entre aquel tempos e a educación nos seus tempos de escolar, comentou:
Dos meus tempos de escolar, penso que quizá o que había daquela, digamos que era unha educación menos permisiva, quizá un pouquiño máis autoritaria, aínda que tampouco hai que esaxerar nese sentido.
Había tamén un tratamento afectivo axeitado aos pequenos, pero digamos que ás veces as limitacións axudan tamén a forxar o carácter. Realmente os grandes caracteres vanse forxando precisamente en loita coas dificultades, é dicir, que o facilitar todo ou non prohibir nada, iso ao mellor non é demasiado positivo para formar, para constituír unha personalidade forte. Os grandes homes da empresa, os grandes personaxes históricos normalmente moldeáronse loitando contra as dificultades, impoñéndose a elas.
E, en relación cos mestres, xa non ten vixencia o vello dito de “Pasa máis fame que un mestre de escola”, indudablemente que non. Nese terreo avanzouse considerablemente en todos estes últimos anos. Pensemos que incluso no século pasado non había un corpo nacional de ensinantes, senón que cada concello, ou a veces os propios pais, se ocupaban do tema. Era unha situación de inseguridade tremenda para os mestres. Iso, afortunadamente superouse xa hai moitos anos, e se poden ter os problemas que ten calquera outro profesional, que non quero dicir que naden na abundancia precisamente, pero hai unhas condicións básicas ao igual ca as de calquera outro traballador.