Published

15 de Outubro de 2025

O próximo 5 de novembro, mércores, o Partido Popular vai render homenaxe de lembranza e agradecemento a Francisco Cacharro Pardo, que foi Presidente provincial do Partido, concelleiro, conselleiro, senador, e durante vinte e catro anos Presidente da Deputación Provincial de Lugo, cunha xestión irrepetible polos resultados conseguidos a prol do progreso das terras de Lugo.

A lembranza faise precisamente ese día, e na Facultade de Veterinaria, por cumprirse 41 anos do comezo das clases nesta Facultade, obxecto de especial atención de Paco Cacharro dentro do proxecto de lograr para Lugo un Campus universitario, como panca de progreso decisivo para a cidade e provincia.

Considerouse que agora era o momento preciso, cando se cumpriron os dez anos do pasamento deste destacado político, para facer reconto dun labor inmenso, que o paso do tempo pon cada vez máis en valor, e ver que o seu legado e a súa memoria gozan de permanente presencia entre os lucenses.

A homenaxe concretarase nun acto ás 19:00 horas deste 5 de novembro, no salón de actos da Facultade de Veterinaria, que estará presidido por Alfonso Rueda Valenzuela, presidente do PP de Galicia; a viúva, fillos e netos de Francisco Cacharro, e a presidenta do PP da provincia de Lugo, Elena Candia, promotora desta acción.

Co título de “Lembrando a Paco Cacharro”, a homenaxe-lembranza desenvólvese en catro accións que serán presentadas neste acto: web, libro, vídeo e exposición. Poñerase en funcionamento a web, proxectarase o vídeo, e os asistentes recibirán cadanseu exemplar do libro e do catálogo da exposición, que recolle todos os contidos desta, para “poder levar a exposición para a casa”.

No libro de 210 páxinas participan medio cento de persoas que tiveron relación con Paco Cacharro, políticos e non políticos, que dez anos despois do seu pasamento evidencian o impacto de Paco Cacharro na política e na vida lucense, e a permanencia e transcendencia do seu legado.

Intervirá, así mesmo, o Orfeón Lucense, coro oficial da Catedral de Lugo, dirixido por Sara Nebra, que hai anos entregou a Paco Cacharro a súa insignia de ouro, en agradecemento ao seu labor de promoción musical.

O acto estará aberto ao público, convidando a asistir a todos os que apreciaron en Paco Cacharro ao político e á persoa, o seu esforzo e dedicación e , en definitiva, aos que saiban que moito do que hoxe podemos desfrutar os lucenses procede daquela etapa -case un cuarto de século- que fixo progresar Lugo desde a presidencia da Deputación Provincial.